Friday 03 de May de 2024

Laxe xa conta coa súa pista de pádel e o seu parque biosaudable para uso e desfrute da veciñanza


• Francisco Charlín, alcalde do municipio, e Roberto García, da Secretaría Xeral para o Deporte, inauguraron esta mañá as instalacións

• O rexedor destacou que esta actuación “aumenta a oferta de actividades na zona deportiva na zona”

O Concello de Laxe xa conta coa súa pista de pádel e o seu bioparque na zona de Cabo da Area. Francisco Charlín, alcalde do municipio, Begoña Gegúndez, concelleira de Deportes, membros da corporación municipal e Roberto García, pertencente á Secretaría Xeral para o Deporte, inauguraron esta mañá as instalacións.

Trátase dunha pista normalizada para a práctica de pádel, de 20 metros de longo e 10 metros de ancho de superficie. O terreo de xogo está formado por céspede artificial e descansa sobre unha lousa de formigón poroso. O espazo está rodeado cun peche metálico e de vidro temperado para cumprir cos requisitos e reglas establecidas para a práctica desta modalidade deportiva.

No orzamento da actuación, que ascende a 48.395,93 euros, inclúese tamén o alumeado da pista, que conta con catro proxectores LED de 200 W instalados sobre posters metálicos galvanizados.

No resto da zona colocáronse diferentes máquinas deportivas para a realización de exercicios físicos. O espazo inclúe unha bicicleta, unha elíptica, un temón/volante, un banco para abdominais, entre outros aparatos para realizar todo tipo de actividades.

O rexedor destacou que esta actuación “aumenta a oferta de actividades na zona deportiva xa existente no propio núcleo urbano cunha das disciplinas que está máis de moda na actualidade como é o pádel”.

Charlín incidiu en que “para o noso equipo de goberno é unha prioridade fomentar a práctica deportiva e os hábitos de vida saudables entre a nosa veciñanza, polo que durante o noso mandato iremos reforzando as instalacións para que o acceso ao deporte sexa cada vez máis sinxelo no noso municipio”.

Solicitude de uso

As persoas interesadas en gozar do seu uso poderano solicitar a partir do día de hoxe, 19 de abril, na Casa do Concello.

Durante o primeiro mes o servizo será completamente de balde e estableceranse quendas de uso dunha hora e media de duración. Todas as persoas menores interesadas en facer uso do mesmo deberán solicitalo acompañadas dunha maior de idade.

Deja un comentario